sexta-feira, 28 de janeiro de 2011

Galería Fotográfica da Manifestación en Ferrol - Folga Xeral Galega do 27 de Xaneiro de 2011

Interesante reportaxen fotográfica, do compañeiro Suso Pazos, da manifestación celebrada en Ferrol o pasado 27 de Xaneiro de 2011, o día da Folga Xeral Galega contra a reforma do sistema público de pensións, polo emprego e por un outro modelo económico e social.


Galería de Suso Pazos: Susete'70 - Galerías

Enviado por:
suso
-susopazos@yahoo.es-
28 de janeiro de 2011 13:21
_______________________

A CUT estivo na Folga Xeral do 27 de Xaneiro de 2011

A CUT ESTIVO EN FOLGA O 27-X

Aínda que os medios de comunicación teñan a directriz de silenciar a realidade deste país, non haberá censura que impida saber que a CUT estivo presente as 24 horas de folga con determinación e traballo constante. Manifestámonos en Compostela, Coruña e Vigo, sendo esta última a manifestación máis númerosa con 1500 manifestantes.

A xornada de folga tivo un seguimento irregular motivado polos titubeos dunha parte da CIG e pola forte presenza policial, que en tiñan a consigna de exercer a violencia para evitar o éxito dunha folga en clave de país. A represión foi tal que nas portas das nosas sedes, dende as 0:00 horas estaban as unidades da policía nacional facendo de piquetes antifolga. O resultado desta represión foi que disolveron os piquetes nocturnos de Vigo con violencia e oito compañeiros detidos postos en liberdade ao longo do día.

Dende a CUT agradecemos o esforzo da clase obreira galega que decidiu, con dignidade e conciencia de clase, non ceder ante a presión do capital e do estado español.

Fonte: cutgalicia.org
________________

Crónica da CGT da Xornada de Folga Xeral do 27 de Xaneiro de 2011

Informa a CGT

27.01.11

Vigo - Forte represión policial na xornada da folga xeral

En Vigo, destaca a xornada de folga pola forte represión policial con continuos rexistros ós sindicalistas, así como o exaxerado número de furgóns de policías antidisturbios. Hai que suliñar a detención de cinco persoas no grupo de piquetes da CUT no centro da cidade.

Aínda asi o seguemento da xornada de folga estase a dar nun porcentaxe baixo para a hostelería, medio-alto na industria así como un máis que aceptable seguemento en Citroen. Nesta factoría organizouse un grupo de piquetes máis numeroso que na anterior folga xeral do 29 de setembro.

27 de Xaneiro de 2011. 00:00 h


Diferentes grupos de piquetes informativos da CGT se concentran en varias empresas e polígonos industriais da cidade.

Na empresa Zara Logística, situada no polígono de Sabón, un nutrido grupo de traballadores se ten concentrado nas entradas coincidindo cós cambios de quenda de traballo. O seguimento da folga en Zara Logística está a ser moi importante.

Outro piquete de militantes de CGT concentrouse a medianoite ante a entrada da empresa de telemarketing Atento.



27 de Xaneiro de 2011 - 07:00 h

Continúa a actividade de piquetes con presenza de traballadores da CGT recorrendo o polígono de Sabón. Outro piquete de CGT está concentrado fronte o Edificio Proa, nos accesos ao polígono de Pocomaco.

O tráfico de acceso á cidade é menor que o dun día de normal actividade laboral, ainda que os vehículos de transporte escolar están saindo das cocheiras. A estación de autobuses está totalmente paralizada. O porto non ten nengún tipo de actividade comercial, e moi escasa actividade pesqueira. No transporte urbano, funcionan tan só os servizos mínimos. Sen embargo, sí funcionou o servizo de lixo.

Fronte ás instalacións da Xunta de Galicia, no Edificio de Monelos, un piquete de CGT informou aos traballadores nas puertas de entrada.

En xeral, o seguemento da xornada de folga está a ser notable en aquelas empresas e sectores con presenza de CGT.

27 de Xaneiro 2011 - 10:00 h

Actualizamos o seguemento do paro a estas horas en diferentes sectores que foron iniciando a súa actividad :

Transporte

Segue a ser importante o seguemento da folga no sector. Vense ringleiras de usuarios nas paradas de autobuses e non hai taxis nalgunhas paradas. No transporte ferroviario, os abusivos servizos mínimos fixados por Adif teñen impedido un maior seguemento por parte dos traballadores.

Educación

O paro é importante na Universidade con centros pechados e sen sinal de actividade docente naqueles que están abertos. En ensino non universitario, o seguemento é algo maior en secundaria que en primaria e infantil.

Administración Pública

O seguemento é desigual, sendo escaso nas dependencias principais da Xunta de Galicia.

Telemarketing

O seguemento do paro en empresas deste sector, como Atento, Sykes ou Eurocen, está a ser relevante, e nalgún caso, mesmo maior que na folga do pasado mes de setembro.

Comercio e Hostalería

Varios piquetes recorren diferentes zonas comerciais (Praza de Lugo, Juan Florez, Ramón y Cajal, …) da cidade e ante a súa presenza moitos comercios baixan os peches. El Corte Inglés cerrou as súas portas e se están a producir cortes de tráfico nas vías máis comerciais do centro urbano.

Ás 12,30 horas partirá desde a Praza de Portugal, a manifestación convocada pola CGT da Coruña conxuntamente coa CUT e que rematará ante a Delegación do Goberno.


Fronte á Delegación do Goberno na coruñesa praza de Ourense, finalizou ás 14 horas a manifestación convocada conxuntamente pola CGT e a CUT. Dende o punto de partida na Praza de Portugal, máis de cincocentos manifestantes recorreron algunhas das mais centricas rúas da cidade.

Durante todo o percorrido da manifestación foron coreadas consignas contra a reforma das pensións, a reforma laboral, os despedimentos e expedientes de regulación de emprego, contra os gobernos e a patronal, e a favor da necesidade de continuar as mobilizacións logo desta folga xeral.
Ao término da manifestación, un portavoz das organizacións convocantes deu lectura a un comunicado destacando a resposta necesaria da clase traballadora ás agresións tando do capital como dos gobernos contra os nosos dereitos e condicións laborais.

Fonte: CGT - Galicia
___________________

Masiva participación nas mobilizacións convocadas pola CIG o día da Folga Xeral do 27 de Xaneiro de 2011

A CIG amosou hoxe a súa satisfacción pola masiva participación da clase traballadora nas distintas mobilizacións celebradas por todo o país coincidindo coa xornada de folga xeral convocada para rexeitar a reforma das pensións do Goberno español. A central estima que arredor de 80.000 persoas saíron á rúa nas principais cidades e vilas de Galiza nunha xornada histórica para o sindicalismo nacionalista galego ao conseguir sacar adiante o paro en sectores importantes a pesar do contexto de grave crise, do boicot dos medios de comunicación e do acoso policial.





A folga tivo un seguimento practicamente xeneralizado no transporte de viaxeiros e nos urbanos, na recollida do lixo e limpeza viaria, no sector naval, nas grandes obras da construción (como a ampliación de Peinador e Lavacolla ou o porto exterior da Coruña) e nos portos comerciais de Ferrol e da Coruña. Os polígonos do Campiño en Pontevedra, do Tambre en Compostela e algunhas empresas situadas nos de Vigo viron reducida a súa actividade, de igual xeito que na cidade olívica lle sucedeu a Citroën, que tivo que dobrar a quenda de noite (terían que rematar ás 5.00 horas e eran as 8.00 e aínda traballaban) para que a liña de produción non se vise afectada. Alén diso, cómpre salientar que o 40 % da quenda de mañá non entrou a traballar, arredor de 1.000 persoas.

Outras empresas importantes que se viron afectadas polo paro foron a ferrolana Navantia (cun paro do 40 % na empresa principal e do 60% nas auxiliares, mentres que en Fene o paro ascendeu case até o 90%), Celulosas de Pontevedra (arredor dun 50 %), Alcoa en San Cibrao das Viñas (sobre un 50 %) ou Zara Loxística, en Arteixo (outro 50 %). En Ourense rexistrouse un paro total nas compañías Roberto Verino e Faurecia.

No que respecta á administración local salienta o seguimento masivo que tivo a convocatoria nalgúns Concellos, como foi o caso do de Compostela, cun 80 % de paro. En canto ao ensino secundario, a adhesión á folga estivo entre un 60 e un 70 %. Finalmente, o sector onde o paro tivo unha menor repercusión foi no pequeno comercio e nas grandes áreas.

Vigo

Na comarca viguesa a xornada de folga comezou nos polígonos industriais pouco antes das dez da noite, horario no que daba comezo a primeira quenda de traballo da noite. Os piquetes desprezadas até o Parque Tecnolóxico de Valadares puideron comprobar cal sería a tónica do comportamento da Policía española durante toda a noite a ao longo do propio día 27: someter aos folguistas a un acoso que lles impedise desenvolver o seu labor informativo no acceso aos centros de traballo. A partir de entón sucedéronse as identificacións e practicáronse varias detencións, entre elas as de catro afiliados da CIG que xa quedaron en liberdade tras seren acusados de “intentar levantar unha barricada”.

Con todo, o paro tivo moita incidencia na cidade, tal e como se puido visualizar na masiva manifestación que percorreu as rúas do centro e na que participaron arredor de 40.000 persoas, unha cifra moi similar á do pasado 29 de setembro. Ao seu remate, tanto o secretario comarcal de Vigo, Serafín Otero, como o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, incidiron na importancia e contundencia da mobilización e non descartaron novas protestas ante “o maior ataque aos dereitos da clase traballadora en 40 anos”.

Nos estaleiros o seguimento da folga foi total, nun 70% nos autobuses urbanos (só funcionaron os servizos mínimos) e tamén completo na recollida do lixo e limpeza viaria (da empresa FCC). No mercado da froita tampouco houbo actividade por decisión dos traballadores despois dunha asemblea. A folga tamén se deixou ver de xeito notábel no sector da construción, afectando especialmente a grandes obras como as do aeroporto de Peinador ou aos traballos do Plan E.

A Coruña

A cidade da Coruña comezaba a folga ás 08:00 horas da tarde coa total paralización das obras do porto exterior, en Punta Langosteira. A imaxe do parón na obra pública máis grande da comarca repetiríase ao longo de todo esta xoves en cada unha das quendas de traballo. Ademais, a actividade quedou suspendida en Albada, o transporte interurbano e no porto comercial, mentres que en Zara Loxística rexistrábase un seguimento moi elevado do paro. Non obstante, o Secretario Comarcal, Paulo Carril puntualizou que a CIG favoreceu que continuara o resto da actividade pesqueira pola agónica situación que atravesa o sector, aínda que os movementos foron mínimos.

Por volta das nove da mañá arrancaba o piquete informativo do comercio dende o centro comercial Catro Camiños, ao paso do que ían pechando as tendas, mentres a cada volta se sumaba un número meirande de persoas, a pesar das ducias de policías que escoltaban a marcha. Era o sinal de que a manifestación, que poría remate ao piquete, rexistraría unha participación similar á da folga do 29 de setembro. E así foi, unhas 10.000 persoas percorreron as rúas da Coruña coa cidade ao berro de “Non á reforma das pensións”. A este respecto, Carril denunciou o papel xogado por CCOO e UGT neste novo ataque aos dereitos da clase traballadora e reivindicou ben alto a viabilidade do actual sistema público de pensións.

Ferrol

Dende a CIG de Ferrol subliñaron que a manifestación realizada hoxe na cidade é a máis numerosa das que se recorda na comarca nos últimos tempos, cunha participación que chegou ás 8.000 persoas. O dato sustenta a positiva valoración que fixeron dende a Unión Comarcal desta xornada de paro, na que se conseguiu paralizar a recollida de lixo e a limpeza viaria de Ferrol e Narón, os servizos de transporte urbano e diversas empresa do sector da construción e madeira e do metal (como Privilege ou Maderas Fernández.

Sobre a incidencia da folga, o voceiro comarcal, Manel Grandal, destacou especialmente a resposta á convocatoria por parte dos traballadores e traballadoras dos estaleiros públicos, de xeito que en Navantia Fene se acadou un 90% de seguimento e en Navantia Ferrol na empresa principal o paro xirou arredor do 40%, pero nas auxiliares o seguimento superou o 60%. Ademais, un volume importante de traballadores e traballadoras saíu do estaleiro para unirse á manifestación da CIG. E iso, incidiu Grandal, malia haber representantes de UGT e de CCOO que estiveron facendo o labor de contra piquetes.

O voceiro comarcal, Xesús Anxo López Pintos, apuntou que a central sindical demostrou hoxe que “non fallou á clase obreira e foi quen de pór a disposición da clase traballadora toda a ferramenta do sindicato”. Nesta liña tamén criticou con dureza o acordo asinado por CCOO e UGT, atendendo así as demandas dos gobernos, ao servizo do capital financeiro.

A respecto da presenza policial, subliñaron que se ben a de hoxe foi a manifestación máis numerosa, tamén foi a folga con máis presenza policial dos últimos anos. De feito a policía identificou a todos os piquetes informativos durante toda a noite e a mañá.

Carga en Odeón

Desafortunadamente, na comarca produciuse unha carga policial inxustificada contra un piquete que estaba realizando a súa labor informativa nun concesionario de vehículos situado en fronte ao centro comercial Odeón. Para maior sorpresa da CIG, non só a policía arremeteu contra os/as folguistas, senón que mesmo un vixiante de seguridade do complexo comercial saíu fóra do seu centro de traballo para “colaborar” na carga policial. Este vixiante golpeou a unha compañeira cunha porra extensíbel, causándolle unha fenda na cabeza.

Dende a CIG de Ferrol xa adiantaron que presentarán denuncia xudicial o garda de seguridade, para que, pola gravidade que reviste a súa actuación totalmente ilegal, se adopten todas as medidas que correspondan.

Lugo

Na cidade da muralla a folga arrincaba coa ausencia da recollida de lixo, coa paralización da estacións de autobuses e cunha incidencia no seguimento no Polígono do Ceao semellante á rexistrada na folga de setembro. Non obstante, o Secretario Comarcal, Xosé Ferreiro, puña o punto de mira na desmesurada presenza policial que acompañou aos piquetes durante toda a xornada, que mesmo procedeu a identificar aos folguistas que estaban pegando cartaces relativos ao paro xeral.

Ferreiro destacou o feito de que moitos traballadores/as do comercio cos que falaron durante o piquete informativo comentasen que tiñan que chamar ao seu xefe ou xefa para poder pechar e acudir á folga. Esta situación, apuntou, é sintomático do moito que aínda nos queda por avanzar na loita polos dereitos da clase traballadora.

Aínda así, mostrouse satisfeito pola participación acadada na manifestación deste mediodía, unhas 2.500 persoas, asegurando que “é a mobilización máis multitudinaria que a CIG convocou en Lugo”. Tanto que, ao igual que noutras cidades, contou coa presenza de xente afiliada ou afín a CCOO.

Despedido por acudir á folga

A nota negra da folga en Lugo púxoa na xornada do mércores o despedimento dun traballador, en clara vulneración dos seus dereitos, de Conxelados Sariego (Rábade) por anunciar a súa intención de acudir á folga e animar aos seus compañeiros/as a seguir o seu exemplo. Dende a CIG de Lugo denunciouse este tipo de actuacións do empresariado e xa anunciaron que a central sindical vai recorrer o despedimento e utilizará todos os medios ao alcance para conseguir que o traballador sexa readmitido.

A Mariña

Especial significado tivo a incidencia da folga na Mariña Lucense, xa que unha das empresas emblemáticas, Alcoa San Cibrao, só tivo operativos os servizos mínimos, mentres que a actividade das auxiliares estivo completamente suspendida.

Así mesmo, a acción policial tamén se fixo sentir, e o piquete informativo despregado en Viveiro permaneceu inmobilizado durante máis de media hora polas forzas de seguranza, que se adicaron a identificar a todos/as os/as folguistas.

Ourense

O secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco, valorou moi positivamente a incidencia da folga non só na capital da provincia senón tamén en vilas como Xinzo e Verín. Neste sentido, salientou que no transporte urbano só saíron os servizos mínimos e que se paralizaron tanto a limpeza viaria como a recollida de lixo.

Alén diso, cifrou a incidencia da folga nos polígonos industriais nun 50% cun paro total na súa actividade de empresas tan importantes como Faurecia, no polígono de San Cibrao das Viñas.

A actividade comercial estivo paralizada durante toda a mañá e constatouse un seguimento do paro entre o estudantado tanto da FP como dos institutos.

Respecto da manifestación salientou a elevada participación, que superou a da folga xeral do 29 de setembro e o activo apoio de organizacións como o BNG, IU, Galiza Nova, a CGT, o sindicato ferroviario, o SLG e FRUGA, entre outras.

Compostela

En Compostela, e segundo explicou o secretario comarcal da CIG, Anxo Noceda, o piquete puido constatar que contra as 9:30 horas, a incidencia da folga no polígono do Tambre estaba entre un 60 e 70%. Pecharon ademais empresas relevantes na cidade como a Papeleira de Brandía, Tórculo ou Cespa.

Noceda tamén salientou que a actividade no aeroporto estivo paralizada, ao igual que as obras de ampliación de Lavacolla.

Respecto da administación, falou dunha incidencia variábel, e superior á da folga do 29 de setembro, no concello. Na Sanidade sinalou unha participación “nos parámetros da última folga” e unha importante incidencia no comercio.

Para o secretario comarcal da CIG de Compostela foi especialmente relevante a participación, de máis de 5.000 persoas, na manifestación que saíu da praza Roxa pasadas ás 12:30 e que abarrotou a Praza de Praterías, até o punto de que parte dos manifestantes non cegaron sequera a acceder á praza.

As Pontes

Os compañeiros e compañeiras das Pontes foron os encargados de dar o punto de saída das mobilizacións convocadas pola CIG hoxe en todo o País. Ás 10:30 horas unhas 200 persoas concentrábanse na Praza do Hospital para amosar o seu rexeitamento á reforma das pensións e ao preacordo entre os sindicatos e o goberno español, que poucas horas antes se tiña anunciado nos medios de comunicación.

Tras da protesta, explicaba o responsábel da Unión Local, Alberte Amado, iniciouse unha caravana integrada por uns 40 vehículos que trasladaron a mensaxe contra as regresivas medidas do goberno por todas as localidades por onde pasaron antes de sumarse á manifestación da CIG en Ferrol.

Cee

Na zona de Cee o seguimento da folga resultou semellante ao acadado na pasada folga de setembro. Desta volta, apuntou o responsábel local, Xabier Santos, tamén se organizou unha concentración, na que tomaron parte arredor de 300 persoas, que ademais recibiron o apoio do comercio local, que pechou as súas portas ao inicio da protesta para trasladar a súa conformidade coas reivindicacións da CIG.


Galerías Fotográficas da Xornada de Folga e Manifestacións

Acceder á galería de imaxes das mobilizacións.
Acceder á outra galería de imaxes das mobilizacións.
Acceder á galería de imaxes dos piquetes.

MobilizacionBarcoValdeorras.grande

ManiFolgaVigo5.grande

Cee_0.grande

11-01-27 manifestacion Xinzo 0.grande

11-01-27 manifestacion Verin 2.grande

11-01-27 manifestacion Ourense 01.grande

11-01-27 manifestacion Lugo 5.grande

11-01-27 Manifestacion Burela 1.grande

11-01-27 Manifestacion A Coruña09.grande

11-01-27 Manifestacion A Coruña01.grande

01-11-27 manifestacion Compostela 17.grande

01-11-27 manifestacion Compostela 1.grande

ManiFolgaVigo1

Fonte: Avantar
_____________

quinta-feira, 27 de janeiro de 2011

O acordo alcanzado está madrugada por CCOO, UGT e o goberno xustifica, máis que nunca, a convocatoria da Folga Xeral de hoxe

Os sindicatos españois aceptan atrasar a idade de xubilación aos 67 anos, malia ter pasado meses repetindo que por aí non pasarían.


A CIG considera que co principio de acordo acadado entre CCOO, UGT e o Goberno, co que estas centrais sindicais están aceptando o atraso da idade de xubilación aos 67 anos, coa exixencia de 37 anos cotizados para poder cobrar o 100% e de 38 anos e medio para poder xubilarse anticipadamente aos 65, se cumpren “os peores dos nosos presaxios”
.

[2011.01.27 Piquete en Zara Loxística.  Arteixo - Polígono de Sabón]

Así o manifesta, Suso Seixo, Secretario Xeral, quen asegura que desde a central sindical xa se sospeitaba que se chegaría a esta situación. “Constátase así que todas as ameazas de mobilización ou folga xeral que CCOO e UGT dirixían ao Goberno tiñan o único obxectivo e desmobilizar aos traballadores/as no seu conxunto e moi especialmente aos seus afiliados e afiliadas, para evitar que se sumasen ás convocatorias de folgas xerais que hai hoxe en Euskadi, Cataluña e Galiza. Folgas xerais que diante deste escenario están máis xustificadas que nunca”.

Seixo afirma que este acordo supón unha “traizón” aos intereses da clase traballadora, aceptando os plantexamentos do Goberno e da Banca sobre a reforma das pensións e colaborando claramente na mentira e nos obxectivos que moven esta reforma. “Na mentira porque o sistema público de pensións non corre perigo ningún a medio prazo, como din o Goberno e os informes pagados pola Banca e nos obxectivos, que son potenciar a canalización do aforro dos cidadáns cara os sistemas privados de pensións que é un dos grandes negocios quen ten hoxe o sistema financeiro nas súas mans”.

Estas reformas van ter como consecuencia, segundo o secretario xeral da CIG, que se dificulte o acceso ás pensións e, polo tanto, que se reduza o número de pensionistas de forma significativa, diminuíndo ao tempo a contía das prestacións. “Nese escenario, o que se pretende é que o sistema público de pensións cubra unhas pensións mínimas e aqueles traballadores/as que teñan capacidade de aforro, por contaren con maiores ingresos durante a súa vida laboral, subscriban, desde xa, sistemas privados para garantir unha pensión complementaria, o que provocará que se incrementen as diferenzas nas rendas e na calidade de vida entre pensionistas”.

Para a CIG os contidos deste principio de acordo xustifica e fai máis necesaria aínda a convocatoria da folga xeral que se desenvolve durante a xornada de hoxe. Folga que, polo ben dos traballadores e traballadoras galegas, debería contar cun respaldo importante.

Fonte: Avantar
___________________

quarta-feira, 26 de janeiro de 2011

Programa especial seguimento da Folgga Xeral en Rádio FilispiM, este Xoves 27 de Xaneiro


Este Xoves 27 de Xaneiro de 2011, Rádio FilsipiM emite un programa especial dende as 8:00 h. da manhá, seguimento da FOLGA XERAL na nosa comarca.

Todas as voces, as incidencias, minuto a minuto en Rádio FilispiM, 93.9 FM.

Participa chamando ao teléfono de directo:

 981 37 10 40 

Lembra,  este xoves 27 de Xaneiro a partir das 8:00 da manhá, todo o que tés que saber da Folga Xeral, está en Rádio FilispiM, a radio na rúa. Fai-te oir!!!



Descargar o audio

Radio Filispim, a radio libre e comunitaria da Terra de Trasancos

http://opaii.blogspot.com/
___________

terça-feira, 25 de janeiro de 2011

Unha folga para gañar o futuro - Un artigo de Xavier Vence


Por Xavier Vence Deza [*]
25.01.2011

Existe algo peor que a crise financeira. O peor é o derrotismo e a resignación. O peor é a sensación de derrota preventiva que os causantes da crise queren instalar no corpo social, para que os que nada real gañaron nos anos de exuberancia financeira acepten resignadamente o seu rol de perdedores eternos. Perdedores non só a curto prazo en forma de sacrificios salariais e impostos indirectos (IVE, tabaco, carburantes, enerxía) senón con “reformas estruturais” que os converten en perdedores por moito tempo (reducción das pensións, elevadísimos xuros de débeda a longo prazo, compromiso de pago de rendas e regalías por décadas aos inversores privados que participan na construcción de hospitais, camiños de ferro, autovías, etcétera). A reforma das pensións e a bancarización das caixas é a volta de torca dun expolio social a beneficio das finanzas, ansiosas por ampliar campos de negocio seguros e redíbeis. Quen o dubide non ten máis que ler o longo e claro informe de Inverco –a patronal das sociedades e fondos de investimento– para corroboralo.

O peor é que con todas as mal disimuladas entregas de dereitos e riqueza social dos últimos tempos estase a entregar tamén a alma da democracia. A obscenidade e a violencia coa que o poder con maiúsculas está impoñendo o seu dereito de pernada está a destruír as bases esenciais da democracia: a autoconfianza dos cidadáns sobre o seu propio poder e a confianza nos seus elixidos. A manumisión obscena dos grandes partidos pola vía do financiamento; a gran corrupción pola vía das “portas xiratorias” entre poder político-gobernos-finanzas; o control directo sobre os medios de creación de opinión e adoutrinamento, etcetera acaban traducíndose na destrucción das bases da democracia. A gran corrupción non é a suma de corruptelas de comisións ou pequenos contratos aqui e alí, a gran corrupción é o uso do BOE e DOG para cambiar leis, reglas, gravames, tarifas, privatizacións, grandes infraestruturas, etcétera a beneficio das grandes finanzas, eléctricas, telefónicas, grandes contratistas, grupos de comunicación...

Cando os cidadáns teñen a convicción de que os políticos están aí para atraizoalos ou chegan ao convencemento de que voten o que voten da igual porque as decisións importantes adóptanse fóra das institucións democráticas, nese momento a democracia perde calquera valor para eles e convértese en pura máscara, pantomima e “xogo da clase política”. Cando iso ocorre de xeito persistente moitos poden ter a tentación de abrir o paso a “gobernos técnicos” e ditaduras de facto. Ben Alí e Hosni Mubarack gañaron as “eleccións” por maioría absoluta, case polo 100%, ¡que máis dá! Claro está que nalgún momento acaba chegando o límite de soportabilidade pero entón a alternativa xa non entra pola vía das urnas senón polas revoltas ou as revolucións.

A submisión case en directo do PSOE ás demandas das altas finanzas está a alimentar a sensación de derrota social e tamén o descrédito da política e a democracia, como reflicten as enquisas do CIS. Pero a ese mesmo descrédito poden estar contribuíndo as cúpulas dos dous grandes sindicatos estatais cando aceptan converterse no seguinte elo da cadea de submisión. Acaban facéndose cómplices da regresiva reforma laboral e das pensións pero tamén da fiscal e do desmantelamento das caixas de aforros. Esa supeditación acaba deslexitimándoos e debilitando cada vez máis a súa capacidade de reacción como se viu no pouco ánimo e convicción que moveu a folga xeral de setembro.

Nese panorama a convocatoria de folga xeral da CIG para o día 27 de xaneiro debe ser saudada non só como unha merecida e necesaria resposta ao recorte das pensións que pretende impoñer o Goberno, a beneficio dos fondos de pensións, senón tamén como expresión da vitalidade e valentía democrática que segue existindo nun amplo segmento da nosa sociedade. O apoio explícito do BNG –e doutras organizacións minoritarias– revaloriza o pluralismo político e sindical que temos en Galiza e permite apreciar a importancia do nacionalismo, coas características concretas que ten no noso país, como baluarte da defensa dos intereses da maioría social e dos propios contidos substantivos dunha democracia digna de tal nome.

Outros artigos en xornal.com

[*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ... .

domingo, 23 de janeiro de 2011

Galiza Contrainfo realizou un interesante documentario de cara á Folga Xeral do videiro 27 de Xaneiro - Vídeo



Disponíbel xa a videoreportaxe sobre a Folga Xeral do 27 de Xaneiro de 2011.

" Impressons a respeito da greve geral na Galiza"

Reportagem especial sobre a greve geral.

Esta videoreportaxe, que con máis de catro horas de gravación de conversas e entrevistas, resumimos con moito traballo cunha duración de perto dunha hora.

Conversas e reflexións

Nestas semanas estivemos a realizar unha videoreportaxe sobre a vindeira Folga Xeral do 27 de Xaneiro, que en poucos días estará na rede. Tentamos recoller opinións diversas de distintos centros sociais, grupos feministas, ecoloxistas e traballadoras/es, asi como de centrais sindicais. Nese sentido, conversamos sobre a Folga Xeral do 27 de xaneiro, sobre a súa necesidade, a perda de dereitos (reforma laboral, aumento da idade de xubilación, e pensións), que significa este contexto no noso país, entre outras reflexións.



Fontes:

Disponibilizamos unha fotogalería deste traballo: aqui

Galiza Contrainfo é unha iniciativa independente, non comercial e autoxerida de contra-información audiovisual galega. Esta páxina web xorde da necesidade de difundir o noso traballo, mais tamén coa intención de construir un espazo que serva para darlle visibilidade a toda a produción audiovisual de comunicación alternativa que se desenvolve na Galiza. [+ Info]

http://galizacontrainfo.org/
gzcontrainfo@gmail.com
___________________________

4.000 persoas protestan en Barcelona contra os recortes nas pensións e esixen outra Folga Xeral - Vídeo - Mobilizacións na Galiza e noutros lugares do Estado


Este sábado, 22 de Xaneiro de 2010, levou-se a cabo na cidade de Barcelona unha marcha multitudinaria contra a reforma do sistema de pensións proposta polo Goberno español. O acto de protesta, que foi convocado polos sindicatos CGT, CNT, IAC, COS e Co.Bas, reuniu a 4.000 persoas que percorreron as céntricas rúas da cidade gritando consignas contra a patronal e o Goberno de José Luís Rodríguez Zapatero.

Os manifestantes esixiron unha nova FolgaXxeral para paralizar os recortes sociais ditados pola Unión Europea e o Fondo Monetario Internacional e executados por Zapatero.

Ademais, os sindicatos convocantes, criticaron aos dirixentes das centrais obreiras maioritarias do país, Comisións Obreiras (CCOO) e a Unión Xeral de Traballadores (UGT), por ceder ante os intereses dun Goberno español "vendido" ao capital privado, en referencia ás negociacións que levan a cabo actualmente ambos os sindicatos co Goberno e o empresariado do país.

A marcha iniciouse ás cinco da tarde na Praza de Sants e finalizou en Vía Layetana cando un grupo de manifestantes ocupou un edificio que se atopaba en desuso desde cara a un tempo e despregou unha gran pancarta na súa fachada onde chamaba a fortalecer a mobilización social contra as medidas neoliberais que pretende impor o Goberno.

Tras esa acción reivindicativa, a policía reprimiu aos manifestantes cargando contra eles e dispersándoos. Un grupo de 400 persoas quedouse dentro do edificio ocupado e cara á medianoite os antidisturbios entraron e desaloxáronos.

LibreRed.net



Outras mobilizacións:

Mil manifestantes en Tenerife contra o paro e a precariedade
(20 de xaneiro) Unhas dúas mil persoas marchamos polos barrios de Santa Cruz de Tenerife contra o paro e a precariedade en Canarias. A manifestación, convocada de forma unitaria polos sindicatos CXT, CNT, COBAS, EA-Canarias, FSOC, Intersindical Canaria, (...) >> Ler máis fóra de Ártabra 21

Máis de 2000 persoas maniféstanse en Valladolid contra a reforma das pensións A manifestación, convocada polas organizacións CXT, CNT e Bloque Obreiro celebrouse onte, 22 de xaneiro, en Valladolid contra da reforma das (...) >>Ler máis fóra de Ártabra 21

UGT e CCOO protestan pola xubilaciónós 67 anos
20.01.2011 Mil persoas concentráronse nas sedes da Seguridade Social da Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Monforte, Celeiro, Ourense, Vigo e Vilagarcía.
Decenas de delegados sindicais de UXT e CCOO concentráronse en contra de elevar a 67 anos a idade de xubilación en varias sedes do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) por toda Galicia, igual que se secundou a iniciativa en todo o Estado español. Os sindicatos estiman que, en total, sumáronse á protesta 1.200 persoas na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Monforte, Celeiro, Ourense, Vigo e Vilagarcía de Arousa. >> Ler máis fóra de Ártabra 21

A CIG ensaia a folga xeral con actos en varias localidades
21.01.2011 A central sindical anuncia que recorrerá o decreto de servizos mínimos para o día 27 aprobado onte pola Xunta.
Baixo o lema Precisamos emprego para termos futuro, a CIG convocou onte, entre as 11.00 e as 19.30 horas, actos de concentración e manifestación en varias localidades galegas, para ir quentando motores de cara á folga xeral do próximo 27 de xaneiro en contra da reforma das pensións. A partir de hoxe, ademais, intensificaranse os contactos dos sindicalistas nacionalistas cos traballadores a través de asembleas informativas en todas as empresas da comunidade para que a resposta do próximo xoves sexa o maior posible. >> Ler máis fóra de Ártabra 21

Documentos:

"O pensionazo mata a esperanza e acurta a vida"
O presente documento é de Rafael Cid, solicitado para o Vermello e Negro de febreiro 2011, como contribución á crítica razoada e libertaria da (...) >> Ler máis fóra de Ártabra 21
____________________

quarta-feira, 19 de janeiro de 2011

A CUT chama á Folga Xeral para este 27 de Xaneiro

A CUT XA ESTÁ NA RÚA COA FOLGA XERAL

A CUT iniciou a súa campaña a prol da folga xeral convocada pola central maioritaria galega CIG. A pesares de, unha vez máis, non ter contado con nós para acumular forzas na folga do pobo traballador galego, non imos aforrar esforzos para que esta folga sexa un éxito e poidamos dar unha nova lección histórica sobre a irredutibilidade dos galegos e galegas; nós poñemos por diante os intereses da clase traballadora galega, non somos sectarios.

Dende a CUT sabemos que queda moito traballo por diante e chamamos novamente a esa acumulación de forzas para conseguir o obxectivo prioritario: o éxito da folga. Non pode haber dúbidas sobre a necesidade desta folga e a súa convocatoria, faise necesaria a mobilización con todos os colectivos e organizacións que estean na defensa dos traballadores e traballadoras; agardar por aqueles que viven nos despachos dos verdugos negociando a execución das nosas sentenzas de morte non é máis que complexo de inferioridade e complicidade con aqueles que nos condenan.

O 27 de xanerio, sen dúbida, a folga será unha nova demostración de forza e dignidade do pobo traballador galego.

CONTRA O CAPITAL, UNIDADE E LOITA SINDICAL!!

VIVA GALIZA CEIBE E PROLETARIA!!


A NECESIDADE DOUTRA FOLGA XERAL

Estamos inmersos nun ataque aos dereitos consolidados de traballadores e traballadoras sen precedentes, EREs, despidos gratuítos, reforma laboral, recortes nos servizos públicos e sociais e agora, o vindeiro ataque ás pensións, así o demostran, este ataque non rematou, dentro de pouco terá continuidade coa negociación que sobre convenios colectivos se comezará en breve e o copago sanitario que está tamén próximo.

Co pensionazo o que se pretende é que bancos, caixas e a patronal se apoderen dunha maior parte do negocio e teñan máis ganancias.

O sistema público de pensións, por moito que se fagan premonicións, non está en crise. Durante as últimas tres décadas as arcas da Seguridade Social non deixaron xamais de estar en superávit, en (2005.cando xa os preditólogos prevían unha diminución, foi de +0,67%), en todo este tempo, a pesares das previsións, foi e segue sendo positivo o ano 2009 houbo un superávit do +0,8%, O fondo para asegurar as pensións (Fondo de Reserva da Seguridade Social), pasou de 604 millóns de euros no ano 2000; a 60.022 millóns de euros no 2009.

O que está verdadeiramente en crise é o sistema privado, os plans de pensións privados reducíronse, no estado, nun 28% nos últimos anos. Como en todo proceso de privatización, o que se fai e debilitar o sistema público para impulsa o negocio privado.

En Galicia xa temos a pensión media máis baixa do estado, co recorte que suporá o pensionazo aínda se recortará máis, cos novos cálculos entre un 20% e un 25%.

Outros indicadores da situación na nosa nación fíxoos públicos o Instituto Galego de Estatística, neles reflíctese que o 9,5% dos fogares galegos chegaron con moita dificultade co fin de mes no último trimestre de 2010, o que supón un incremento en catro décimas con respecto ao trimestre anterior, mentres os fogares que declararon chegar con dificultade a fin de mes sitúase en case a metade, ao rexistrar un 43,3% do total.

A situación e abafante, a resposta non pode agardar, non podemos consentir que o goberno aprobe o proxecto para retrasar a idade de xubilación e para incrementar os anos de cómputo. É imprescindible responder a este novo ataque pero, tamén é necesario, acumular forzas para conseguir un cambio radical de modelo económico e social. Os gobernos son verdadeiros monicreques nas mans dos que verdadeiramente dan as ordes, o capital. Se non conseguimos dar unha estocada mortal a este sistema non cambiaremos nada.

A nosa forza está na unidade de acción e na convicción de que só coa mobilización cambiaremos realmente a correlación de forzas actuais. Este espazo de confrontación ten unha cita, o 27 de xaneiro. Demostrémoslle a todo o armazón capitalista a nosa forza e que non pararemos até rematar cos seus privilexios, privilexios fundamentados no noso empobrecemento e precariedade.

O 27 DE XANEIRO TODOS/AS Á FOLGA XERAL.

http://www.cutgalicia.org/
_____________________________________

terça-feira, 18 de janeiro de 2011

A CIG-Mocidade convoca unha Xornada Nacional de Loita, para este 20 de Xaneiro

PRECISAMOS EMPREGO
PARA TERMOS FUTURO!
MANIFESTATE COA CIG O XOVES 20 DE XANEIRO

Participa na xornada nacional de loita da cig-mocidade baixo o lema: Precisamos emprego, para termos futuro, que vai ter lugar o xoves 20 de xaneiro diante das delegacións do goberno, edificios da xunta e inem en todo o país!

Participa nas mobilizacións que a CIG ten convocadas en defensa do emprego, como resposta á reforma das pensións e que culminarán coa folga xeral o día 27 de xaneiro!

Desde a CIG, reclamamos o dereito da mocidade galega a un posto de traballo digno, rexeitamos a reforma do sistema de pensións que nos impón o Goberno español, porque alongar a idade de xubilación dificulta aínda máis a incorporación da mocidade ao mundo laboral e ao mesmo tempo que poidamos acceder a pensións dignas.

Por iso, máis que nunca, a mocidade galega non pode ficar calada, temos que saír á rúa e reclamar que PRECISAMOS EMPREGO, PARA TERMOS FUTURO!

Lugares de celebración da Xornada Nacional de Loita da CIG-MOCIDADE do 20 de Xaneiro:

Comarca de A Coruña: ás 20:00 horas diante da Delegación do goberno en A Coruña (Praza de Ourense, 11).

Comarca de Ferrol: ás 20:00 horas diante do edificio da Xunta de Galiza en Ferrol (Praza Amada García s/n).

Comarca de Ourense: ás 19:30 horas diante do do edificio da Xunta de Galiza en Ourense ( Avda. da Habana, 79).

Comarca de Pontevedra: ás 20:00 horas diante da Subdelegación do Goberno en Pontevedra (Praza de España s/n).

Comarca de Compostela: ás 11:00 horas diante do edificio administrativo da Xunta de Galiza en Santiago (San Caetano s/n).

Comarca de Lugo-A Mariña: ás 11:00 horas diante da oficina do servizo público de emprego en Lugo (Rúa Río Cabe, 8-10)

CIG-Mocidade
_______________________

A CNT da Galiza chama a secundar a Folga Xeral do 27 de Xaneiro

27 de Xaneiro Folga Xeral!

Chamamento a Folga Xeral para o día 27 de Xaneiro de 2011


A CNT da Galiza chama a todos os traballadores e traballadoras a secundar a folga xeral convocada na Galiza para o dia 27 de Xaneiro, contra a nova reforma da Seguridade Social, que amplia a idade de xubilación, aumenta a cotización necesaria para o acceso a mesma e rebaixa a cuantia das pensions. Desde a CNT facemos unha chamada a participación activa na folga, a non ficar nese comodo facto de non ir traballar. Chamamos a todos os traballadores e traballadoras a participar dos piquetes de feche de empresas, comercios e fabricas para garantir o noso direito de folga e impedir a indigna opción de garantir o direito ao traballo, e dicer, a esquirolaxe.Desde a CNT vimos manifestando continuamente a necesidade dunha convocatoria de folga xeral apos a folga do pasado 29 de Setembro. Entendemos que non hai escusa nengunha para non secundar esta folga. A clase traballadora debe permanecer en luita continua contra os ataques que o Estado perpetra contra os direitos laborais e sociais conseguidos muitos deles grazas a duras luitas que costaron sangue e suor a tantos traballadores e traballadoras a traves dos anos. A clase traballadora actuaremos tamben dignamente nesta ocasion, e non dubidamos en asinalar como culpabeis da nova reforma da Seguridade Social, da anterior reforma laboral e do escenario de extrema precarización que se abre para a clase traballadora, a organizacions auto-apeladas sindicatos como son UGT e CCOO, xunto ao poder economico e politico de toda a cor.

Os traballadores e as traballadoras con dignidade, e con eles a CNT, non ficaremos en silencio, senon que unha vez mais estaremos na rua, defendendo os nosos direitos, do lado que nos corresponde. Se UGT e CCOO erran sobre cal e o seu lugar, nos saberemos colocar-nos enfrente e contra eles, como levamos tantos anos de digna historia de luita enfrentando o poder e o capital, coa seguridade de que hai outra forma de organizar a sociedade, coa seguridade de que so na luita obreira esta o camiño cara a emancipacion economica e social. Sabemos que a situacion fai-se cada vez mais urxente: os recortes de direitos avanzan e a necesidade de reorganizacion e reactivacion da luita obreira e mais importante do que nunca. Nos saberemos estar.

http://www.cntgaliza.org/
__________________

segunda-feira, 17 de janeiro de 2011

A CGT de Catalunya, CNT Catalunya, COS i Solidaritat Obrera presentan o aviso de Folga Xeral para o próximo día 27 de xaneiro



Esta folga, diferenza claramente entre as organizacións sindicais que aínda teñen dignidade obreira (tanto os que convocan como os que se adhiren e/ou a apoian) e as que non.

Esta mañá ás 10:30, a CGT de Catalunya, CNT Catalunya, COS i Solidaritat Obrera, e cumprindo cos acordos tomados en plenaria do Comité Confederal de Catalunya, fixo efectivo o aviso de folga para o próximo día 27 de Xaneiro. Esta Folga está circunscrita á totalidade do territorio Catalán. A Folga Xeral xa é unha realidade.

As tres forzas sindicais coinciden en que a a peor decisión que podían tomar é non convocar ningunha folga, ante o recorte brutal que o goberno quere cometer presionado pola mafia empresarial. Queren deste xeito deixar atrás as mobilizacións a deshora, e as anticipan á entrada no congreso do texto sobre a reforma das pensións.

Esta folga, diferenza claramente entre as organizacións sindicais que aínda teñen dignidade obreira (tanto os que convocan como os que se adhiren e/ou a apoian) e os que aínda restan sentados á mesa de negociación, conscientes da traizón que están cometendo contra, a que din é, a súa propia clase.

Bruno Valtueña, Secretario Xeral de CGT Catalunya, afirmou que a situación pide unha folga xeral e se os sindicatos maioritarios non toman esta decisión teñen que ser os sindicatos alternativos quen presionen cunha iniciativa valente como esta.

A Folga Xeral quere dar un espazo onde tamén, as bases de CCOO e UGT poidan expresar o seu descontento cunha cúpula burocrática, que non os consulta nada do que se está negociando.

A CGT de Catalunya, CNT Catalunya, COS i Solidaritat Obrera, convocará unha manifestación polo centro de Barcelona, a mesma tarde do día 27 de Xaneiro, que presumiblemente estará apoiada por outras formacións sindicais e movementos sociais.

Secretaría de Comunicación de CGT Cataluña

Centrais Obreiras convocantes:

CGT-Catalunya
http://cgtcatalunya.cat/

CNT-AIT Catalunya i Balears
http://crcatalunya-balears.cnt.es/

Coordinadora Obrera Sindical-COS
http://www.sindicatcos.cat/

Solidaritat Obrera
http://www.solidaridadobrera.org
_______________________

27 Xaneiro: CGT-Galicia convoca Folga Xeral



No día de hoxe, 15 de xaneiro, a CGT presentou ante as autoridades e a representación patronal a convocatoria formal de folga xeral en Galicia para o próximo día 27 de xaneiro.

A Confederación Xeral do Traballo (CGT) fai un chamamento a clase traballadora e a toda sociedade galega para que o día 27 de xaneiro faga folga e participe nas mobilizacións que se anuncien nas principais cidades de Galicia, dispoñéndose a defender os dereitos laborais, económicos e sociais dos traballadores e traballadoras fronte as agresións que estamos a sofrir polas políticas antisociais do goberno e do parlamento e para impoñer a derrogación da Reforma Laboral e deter a inminente ameaza sobre o sistema público de pensións e xubilacións.

O resultado desta noxenta política gubernamental está a vista do máis cego: Máis de catro millóns de persoas se atopan en paro e un millón douscentos mil delas non perciben ningunha prestación, condeadas a malvivir na sobre-explotación da economía sumerxida o na exclusión social máis absoluta. Máis de medio millón malviven con 426 euros. 11 millóns de traballadores e traballadoras teñen rendas anuais inferiores aos 9000 euros. O 68% dos máis de 8 millóns de pensionistas teñen unha pensión anual que non chega ao Salario Mínimo Interprofesional. O 20% da poboación española vive na pobreza, ata o extremo de que o ano pasado máis dun millón de persoas tiveron que ser alimentadas nos comedores da caridade pública.

¿Podemos tolerar esta situación e que ainda empeore? A CGT considera que non, que non a podemos tolerar, que non a imos tolerar e que está nas mans de todos nos, dos traballadores e traballadoras, cambiala.

Esta convocatoria de Folga ten lugar nunha data decisiva no proceso de movilización social que vimos levando a cabo nos últimos meses dende a CGT contra as medidas antisociais do goberno, pois o día 28 de xaneiro o goberno pretende presentar no parlamento a súa vontade de saquear o sistema público de pensións en favor dos banqueiros e os plans de pensión privados.

O éxito da xornada de folga do día 27, como ocurríu coa do 29 de setembro de 2010, dará pulo aos que, como a CGT, consideramos que o día seguinte temos que comezar a planificar as novas acción que permitan que todos xuntos deteñamos as políticas antiobreiras do actual goberno. Tamén o éxito desta folga é a garantía de que se evitará o entreguismo do sindicalismo oficial cando pretendan negociar dereitos laborais por subvencións, tal e como xa están a facer.

Só unha mobilización xeral, ampla e firmemente levada a cabo pola clase traballadora conseguirá acadar as reivindicacións plantexadas nesta folga:
  • Esixir traballo para todos.
  • Impoñer a derrogación da Reforma Laboral.
  • Deter a ameaza sobre o sistema público de pensións e xubilacións.
 A CGT de Galicia fai un chamamento a todos e traballadores e traballadoras para que participen activamente na Folga Xeral do próximo 27 de xaneiro, así como nas mobilizacións que se vaian convocando en defensa dos dereitos laborais e contra as políticas antiobreiras do goberno.

Comité Confederal da CGT de Galicia
Vigo, 15 de xaneiro de 2011

CGT de Galicia:
http://www.cgtgalicia.org

Fonte: http://www.cgtgalicia.org/2011/01/27-xaneiro-cgt-galicia-convoca-folga-xeral/
________________

A Central Obreira Galega COG soma-se a Folga Xeral do 27X


27 de Xaneiro 2011: FOLGA XERAL

O decretazo de maio pasado que rebaixou o salario dos funcionarios e a reforma laboral que abaratou o despido facilitando a expulsión dos seus postos de traballo dos traballadores e traballadoras de maior idade foron os primeiros pasos contra a clase obreira do goberno socialista de ZP. Sempre ao servizo do capital, o seu obxectivo é baixar os salarios e aumentar os beneficios da patronal.

O aumento dos impostos indirectos e a suba dos prezos dos produtos de primeira necesidade foron outras medidas contra as clases traballadoras do goberno do PSOE.

A resposta débil e tardía dada na folga xeral do 29 de setembro, seguida pola pasividade das centrais sindicais do sistema, ben subvencionadas polo Estado español, animou ao goberno a seguir coa súa ofensiva contra as clases traballadoras, agora co retraso na idade de xubilación, o aumento do tempo de computo das pensións e a privatización dos poucos sectores que quedan en mans públicas.

Sempre ao servizo do capital financeiro e dos grandes empresarios, o goberno de Rodríguez Zapatero sacrifica tamén a autónomos, profesionais liberais e pequenos empresarios mentres abastece aos bancos con cartos públicos e o inmenso regalo que significa a privatización das caixas de aforros.

O prezo para a clase obreira, e tamén para as demais clases traballadoras, é paro, miseria, baixada do nivel de vida, baixada da capacidade adquisitiva e perda dos seus dereitos laborais.

Pese a que, de novo, os sindicatos do sistema fixeron todo o posible por debilitar e dividir a resposta da nosa clase, haberá unha nova FOLFA XERAL O 27 DE XANEIRO, que a Central Obreira Galega (COG) convoca xunto a outros sindicatos de clase.

Chamamos a todo o proletariado en Galicia a ser os protagonistas da folga, a difundir a súa necesidade entre todos os traballadores e traballadoras, e, sen ser a convocatoria unitaria e indefinida que a COG desexaría, frear as agresións do goberno español e da patronal esixindo:
  • A inmediata dimisión de Rodríguez Zapatero e o seu goberno.
  • A retirada inmediata das reformas laboral e de pensións.
  • O mantemento da idade de xubilación nos 65 anos e dos 15 anos para o computo da cuantía das pensións.
  • A nacionalización da banca.

¡ Pola unidade obreira!
¡Contra o goberno e o capital!
¡FOLGA XERAL!

Central Obreira Galega -COG

Galicia, 13 de xaneiro do 2011

Sitio na rede da COG:
http://coggalicia.blogspot.com/
_________________

Foto: Contitución da COG n'A Coruña, o 23 de Xullo, de 2009.
__________________

sábado, 15 de janeiro de 2011

A gran mentira das pensións: 15 minutos excelentes onde Silvia Bermúdez Pérez, xoven advogada e sindicalista, desmonta as falsidades que se están a difundir sobre o sitema público de pensións como escusa para a sua reforma - Vídeo

A gran mentira das pensións

Ás portas da folga xeral convocada pola central sindical nacionalista e de clase CIG para o vindeiro 27 de xaneiro, faise imprescindíbel tamén o combate sindical no eido da batalla das ideas.

Está realmente en perigo o sistema público de pensións?

Cal é a súa orixe?

É necesaria a súa reforma?

Que intereses se agochan tras dos ataques ás pensións públicas?

A que responde a reforma antisocial que promove o PSOE?

Que resposta debe dar a clase traballadora fronte estas políticas?

Coa pretensión de dar resposta a estas cuestións e de desmontar as numerosas falsidades que se están a difundir reiteradamente a través dos medios de comunicación do sistema, servindo de altofalantes das posicións do capital a respecto do sistema público de pensións, desde a FESGA vemos de realizar un breve audiovisual de algo máis de dez minutos de duración.

Neste traballo a licenciada en dereito e técnica de formación sindical da nosa fundación, Silvia Bermúdez Pérez, bota abaixo de xeito pedagóxico os principais “argumentos” esgrimidos por quen promove a precarización dos sistemas públicos de pensións, deixando en evidencia a sumisión ideolóxica –e tamén económica- dos presuntos expertos independentes cos que públicamente se avalan estas propostas antisociais, e deitando cuestións de relevo a respecto da orixe pero sobre todo do futuro das pensións públicas.

13 de Xaneiro, de 2011



Canal Fesga: http://www.youtube.com/user/fesgatv

Fonte: FUNDACIÓN PARA O ESTUDO E DIVULGACIÓN DA CUESTIÓN SOCIAL E SINDICAL EN GALIZA - FESGA
__________________

Blogue persoal de Silvia Bermúdez Pérez:

http://galizasubversiva.blogspot.com/

sexta-feira, 14 de janeiro de 2011

A CIG chama á cidadanía galega a frear na rúa as medidas regresivas do Goberno español contra a clase traballadora


Máis de 1.500 delegados/as da central nacionalista participaron este xoves en Compostela na asemblea preparatoria da folga xeral do 27 de Xaneiro.

Máis de 1.500 delegados/as da CIG participaron na asemblea nacional celebrada este xoves en Compostela para preparar a folga xeral do 27 de xaneiro e avaliar as consecuencias que está a ter a aplicación da reforma laboral, así como analizar o impacto que terá a reforma do sistema público de pensións e da negociación colectiva que pretende o Goberno español. O secretario xeral, Suso Seixo, apostou por “frear na rúa” as “medidas regresivas” para a clase traballadora que está a adoptar o PSOE a animou a todos os galegos/as a sumarse ás mobilizacións convocadas “por dignidade e responsabilidade.

Durante o acto, que se celebrou no Pazo de Congresos e Exposicións da capital Galiza entre as 11.00 até as 13.00 horas, representantes sindicais chegados de todas as comarcas do país afondaron no rexeitamento ás propostas do Goberno español para modificar o sistema público de pensións, entre as que se inclúen atrasar a idade de xubilación até os 67 anos e incrementar os anos para calcular a base reguladora. A central entende que se trata de dúas medidas destinadas a dificultar o acceso ás pensións e rebaixar as contías das mesmas, o que supón un claro ataque contra os dereitos adquiridos polos traballadores e traballadoras galegas despois de moitos anos de loita.

Ampliar a idade de xubilación aos 67 anos, coa perspectiva de subila mesmo até os 70, suporá que naqueles sectores coas condicións de traballo máis duras os/as traballadores/as non poidan agardar a esa idade e xubilaranse antes, co conseguinte recorte na contía das súas pensións. Ademais, elevar o número de anos para calcular a base reguladora dos 15 anos actuais aos 20 vai levar a unha perda de media dun 6% no cobro das pensións futuras. Se o cálculo se realiza a 25 anos, que parece a intención do goberno, a perda vai ser dun 10% e se finalmente se contabiliza toda a vida laboral o recorte no cobro da prestación chegaría até o 20%.

Baixo a escusa da crise, aínda que as pensións nada teñan a ver con ela, e amparándose en informes de supostos expertos carentes de calquera rigor, o Goberno central pretende asestar un novo golpe á clase traballadora rebaixando a cobertura das pensións á mínima expresión para favorecer, dun xeito moi descarado, os intereses da oligarquía financeira.

Un sistema público seguro

A este respecto, durante a asemblea nacional lembrouse que o sistema público é un sistema solidario no que as pensións se pagan co que cotizan os activos e, polo tanto, é un sistema seguro, cuxa supervivencia está garantida sempre e cando se desenvolvan políticas de creación de emprego e de recuperación dos salarios. Pola contra, nos sistemas privados de pensións as entidades xestoras dos mesmos, vinculadas á banca, negocian e especulan con estes recursos, podendo ser rendíbeis ou non segundo o decurso dos mercados financeiros, de feito na situación de crise económica actual, están a perder moito do seu patrimonio.

Estes ataques, de non recibiren unha contundente resposta por parte de todos os traballadores e traballadoras, deixarannos nunha situación social e laboral de hai medio século”, indicou Seixo. Por iso, a CIG chama ao conxunto dos traballadores/as galegos/as a apoiar e participar activamente na folga xeral do 27 de xaneiro, unha mobilización que o sindicato nacionalista convoca por “dignidade e responsabilidade”, en palabras do propio secretario xeral.

Preme aquí para acceder á nova páxina web da CIG sobre a folga xeral.

Fonte: Avantar
____________________________

Pacto de Estado á vista, corpo a terra

"Parécenos imprescindible abrir o campo de xogo e incorporar ás forzas políticas e sociais. Este país merécese un gran acordo". -Ignacio Fernández Toxo, secretario xeral de CCOO-


Por Isaac Rosa [*]
14.01.2011

Non sabemos se os matonescos mercados fixeron unha visita nocturna aos sindicatos, ou se nas reunións sobre a reforma das pensións botáronlles algo na bebida, pero é rechamante o cambio de postura. pasaron de rexeitar a reforma a aceptar falar dela, e de denunciar que sexan os mercados quen deseñen a política social a pedir un gran pacto que englobe todas as reformas para así "enviar unha mensaxe nítido aos mercados", en expresión dun dos seus portavoces.

Non sabemos como foi, pero "crise" deixou de ser o trending topic para ser desprazado por "reforma". Calou a mensaxe, todos falamos das reformas como inevitables, e a discusión xa non é se hai ou non que facelas, senón cal será o seu contido. E non é o mesmo.

A partir de aí, a proposta sindical dun gran pacto global que inclúa pensións, reforma laboral, negociación colectiva e o que faga falta, ao que se somen goberno, sindicatos, CEOE e partidos (é dicir, PSOE e PP) paréceme temerario. Se facer reformas baixo presión é arriscado, buscar un gran pacto de Estado nun momento así é como para saír correndo.

A cultura política española foi, desde a Transición, unha historia de grandes consensos das elites antes que de construción democrática desde a cidadanía. A chegada da democracia, a elaboración da Constitución, o ordenamento laboral e social, as pensións, todo veu da man dos grandes pactos. Pero non esquezamos que todas esas fotos de grupo riseiro tiveron un claro sesgo cara á dereita, reflexo da relación de forzas políticas e económicas resultado da Transición.

Por iso, nun momento regresivo como este, que os sindicatos queiran sentar á mesma mesa cos empresarios, o PP e un goberno cuxa política social xa coñecemos, recórdame con tristeza a aquela película francesa, A cea dos idiotas, sen que neste caso haxa posibilidade de final feliz. Sobre todo porque o presidente repetiu que haberá reformas con ou sen consenso. É dicir, non hai moito que falar, só asinar.

Publicado o 13.01.2011 en Traballar cansa - Público.es

[*] Isaac Rosa (Sevilla, 1974) publicou as novelas A malamemoria (1999), posteriormente reelaborada en ¡Outra maldita novela sobre a guerra civil! (2007), O van onte (2004) e O país do medo (2008). Co van onte obtivo o Premio Rómulo Galegos, o Premio Ollo Crítico e o Premio Andalucía da Crítica, e foi levada ao cine por Andrés Linares co título da vida en vermello. A súa última novela, O país do medo, recibiu o Premio Fundación José Manuel Lara á mellor novela de 2008.
_____________

O mundo agrario galego moi afectado pola pretendida reforma das pensións

Carme Freire: “Esta reforma será a estocada final para o sector agrario”

O SLG alerta do impacto que terá a reforma das pensións na saúde e na economía de labregos e labregas

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire Cruces, expresou hoxe a fonda preocupación dos sectores agrarios da Galiza diante da reforma das pensións que está a preparar o Goberno Central, con propostas como atrasar a idade de xubilación aos 67 anos ou aumentar o período de cotización a vinte anos para ter dereito a unha pensión.

De ir para adiante esta reforma, suporía unha estocada mortal para o agro galego, que se vería afectado de dous xeitos claros. En primeiro lugar, afectaría directamente á saúde da xente que se dedica a producir alimentos. A actividade agraria esixe grandes esforzos físicos que, ao longo dos anos, acaban derivando en enfermidades e doenzas propias deste sector que afectan, principalmente, á columna vertebral e ás articulacións óseas. Dado que estamos a falar dun sector que cotiza no réxime de autónomos e que, polo tanto, non ten dereito a unha xubilación anticipada, o normal é chegar aos 65 anos nunhas condicións físicas penosas e moi minguadas. Aumentar a idade de xubilación até os 67 alongaría o traballo de homes e mulleres que, en circunstancias normais, chegan con serias dificultades físicas aos 65. Por se non abondase, estas enfermidades propias da actividade labrega non están recoñecidas como doenzas laborais.

En segundo lugar, a reforma afectaría directamente aos ingresos económicos dunhas explotacións agropecuarias que, nas circunstancias actuais, están a camiñar pola corda frouxa, moitas veces vendendo por debaixo dos custes pola constante caída de prezos e incrementos continuados dos gastos. Aumentar a cotización até os 67 suporía para cada cotizante acabar pagando arredor duns 10.000 euros máis ao final da súa vida laboral. Ademais, aumentar os 15 anos de cotización obrigatorios a vinte está a provocar que moitos labregos e labregas que tiñan intención de comezar a cotizar aos cincuenta para poder ter dereito a unha pensión, xa non o vaian facer por non quedarlles vida laboral suficiente; mesmo moitas persoas que cotizan van deixar de facelo por non dar chegado ao mínimo de anos cotizados que se pretenden esixir.

Este último problema afecta, especialmente, ás mulleres labregas que, a pesares de traballar xunto ao seu cónxuxe nas explotacións, habitualmente non cotizan a pesares de facer o mesmo traballo. Isto débese a que, nun contexto de aumento constante dos custes de produción na actividade agraria, as cotizacións á Seguridade Social son unha vía de aforro por non ser obrigatorias.

Para o Sindicato Labrego, as únicas beneficiarias destas reformas van ser as aseguradoras privadas. Para o SLG, non poden pagar os custes desta crise as clases populares e, en especial, os labregos e as labregas, motivando, unha vez máis o engrosamento de beneficios dos grandes poderes económicos á costa dunha vida digna para as persoas.





Fonte: SLG

O Sindicato Labrego Galego é un proxecto vivo e en marcha hacia unha agricultura labrega, sostible, nun mundo solidario.

A nivel internacional o Sindicato Labrego Galego forma parte da Vía Campesina (Movemento a nivel mundial de labregos e labregas) e da Coordinadora Europea - Vía Campesina (CE-VC). Por outra parte, a nivel estatal o SLG ten un convenio de colaboración coa Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG).

O PROXECTO SINDICAL AGRARIO

Sitio web oficial do SLG:
http://www.sindicatolabrego.com/
____________

terça-feira, 11 de janeiro de 2011

Oito preguntas arredor da reforma das pensións

EN DEFENSA DO SISTEMA PÚBLICO DE PENSIÓNS



O Goberno español continúa na súa política de entrega á defensa dos intereses da banca e das empresas multinacionais e agora tócalle á reforma do sistema público de pensións, unha fonte de recursos pola que leva moitos anos suspirando a oligarquía financeira, promovendo continuamente informes, pagados pola propia banca, nos que se anuncia, de forma interesada, a quebra do sistema público de pensións, predicións que nunca se cumpren pois carecen de todo rigor científico.

O verdadeiro obxectivo destes informes, sempre acompañados dun forte apoio mediático, é sentar dúbidas na maioría da poboación sobre o futuro das pensións públicas e fomentar que aquelas persoas que teñan capacidade de aforro o deriven a fondos privados de pensións, cos que a banca vai especular e cobrar suculentas comisións; en definitiva, facer un bo negocio. Os intentos, pois, do Goberno de modificar o sistema público de pensións obedece a razóns políticas e non técnicas, baséase en falsidades e busca unicamente favorecer os intereses do sector financeiro.


Cales son as propostas que fai o Goberno para esta nova reforma?

Entre outras modificacións o Goberno propón os seguintes cambios:

- Aumentar a idade legal de xubilación aos 67 anos, na perspectiva de situala nos 70 anos, así como igualar a idade media real de xubilación (62,6 anos) coa idade legal dos 65.

- Incrementar o número de anos que se collen para calcular a base reguladora a partir da cal se calcula a cantidade a cobrar de pensión.

- Aumentar a contía das pensións máximas (banqueiros, empresarios, executivos, profesións liberais…).


Cales son as consecuencias desta reforma?

- Esta reforma do sistema de pensións, ao igual que ocorreu coas reformas anteriores, o que busca e dificultar o acceso ás pensións e reducir a contía das pensións futuras, deixando as pensións públicas nunhas contías mínimas.

- Dificulta o acceso a unha pensión, vía ampliación do número de anos para ter dereito á mesma. Naqueles sectores con condicións de traballo máis duras, non van poder agardar a cumprir os 67 anos para xubilarse e van optar por facelo antes, co conseguinte recorte na contía das súas pensións. A maiores, se se pretende igualar a idade real da xubilación coa idade legal, vanse adoptar medidas para dificultar o acceso á xubilación voluntaria ou á xubilación parcial con contrato de relevo, mentres que con cartos públicos se subvenciona a permanencia no traballo daquelas persoas que polo tipo de funcións que realizan e pola contía do seu salario queren seguir traballando aínda que xa chegasen á idade de xubilación.

- Recorta a contía das pensións futuras ao incrementar o número de anos para calcular a base reguladora (temos que ter en conta que a pensión media galega é tan só de 728,24 euros). Se se pasa dos 15 anos actuais a 20 anos, vai supor unha perda de media dun 6% (a pensión media quedaría en 684,55 euros) nas pensións e se se incrementa de 15 anos a 25, que parece ser que é a pretensión do Goberno, a perda vai ser dun 10% (a pensión media quedaría en 655,45 euros), e non digamos xa se o que se fai é coller toda a vida laboral (35 anos) pois o recorte sería do 20% (a pensión media sería de 582,59 euros).


Cal é a idade de xubilación nos países da Unión Europea?

En todos eles, nestes momentos, non se supera a idade legal dos 65 anos, outra cousa é que as directrices da Unión Europea, presionada polos mercados financeiros, sexan a de instar os países que a integran a que atrasen a idade de xubilación aos 70 anos. Polo que respecta á media da idade real de xubilación estaba, no 2008, en 61,4 anos, sendo a media do Estado español unha das máis altas, con 62,6 anos.

Ver o seguinte cadro:



Son certas as análises que din que o sistema público de pensións non é viábel de cara ao futuro?

NON, parten de hipóteses manipuladas e parciais para xustificar esta tese. De feito as predicións que fixeron até o de agora de que o sistema sería deficitario, primeiro para o ano 2000 e despois para o 2005, foron claramente equivocadas. Nestes momentos a Seguridade Social ten un Fondo de Reserva de 65.000 millóns de euros. Pero é máis, no terceiro trimestre do 2010, con máis de catro millóns de parados en todo o Estado (20% da poboación activa), o superávit da Seguridade Social é de 11.000 millóns.


Que porcentaxe de persoas desempregadas agardan para o ano 2040 ou 2050 estes “expertos” que anuncian a quebra do sistema público de pensións? Un 40%?

Os defensores desta tese parten da base de que a evolución demográfica vai provocar que o número de xubilados cada vez sexa maior en comparanza co de traballadores en activo, o cal fai imposíbel que haxa recursos suficientes para financiar as pensións, se non se introducen cambios no modelo actual. Os cálculos que fan os defensores desta tese é que o peso das pensións en porcentaxe do PIB pasará do 8% no 2007 ao 15,1% no 2060, o que sería imposíbel de soster pois absorbería uns recursos totalmente necesarios para destinar a actividades e servizos do resto da poboación. Estes sisudos técnicos ignoran, deliberadamente, á hora de chegar a esta conclusión, outra serie de variábeis que inciden tamén directamente na solución a este problema:

.- Neste mesmo período de tempo (2007-2060) as previsións de crecemento do PIB serían da orde de 2,23 (o PIB do 2060 sería 2,23 veces maior que o PIB do 2007), o cal permitiría dedicar unha porcentaxe maior da actual a investimentos e servizos para o resto da poboación que non fosen pensionistas. Outro exemplo clarificador a este respecto é o seguinte, no ano 1995 o gasto en pensións no Estado español representaba o 8,3% do PIB e a finais do 2008 o gasto representa o 7,8% do PIB, un 0,5% menos, a pesar de se ter incrementado o número de pensionistas en 1,5 millóns, neste período de 13 anos.

.- Basean toda a súa argumentación no desequilibro financeiro que se vai producir no sistema público de pensións, debido ao incremento do gasto e a caída dos ingresos, como consecuencia do aumento do número de xubilados e a redución en proporción do número de traballadores/as en activo. O que non avalían estes “expertos” é que neste equilibrio, ingresos/gastos, ademais do avellentamento da poboación inflúen outros moitos factores como son: o crecemento económico, o número de empregados e desempregados existente, a calidade dos salarios, distribución da renda, a política fiscal, a produtividade, a taxa de actividade, o peso da economía somerxida ou o nivel de emprego feminino. Só no caso de que todas estas variábeis tivesen unha evolución negativa poderían presentarse problemas ao sistema. Que estas variábeis teñan evolución negativa ou non, depende do modelo de desenvolvemento económico e social que se adopte e polo tanto das decisións políticas correspondentes.


A quen lle interesa e favorece a análise que defende a non viabilidade do sistema público de pensións?

O interese de cambiar o sistema público por un privado, non responde a unha necesidade real nin a razóns técnicas. Responde a razóns de tipo ideolóxico e ao interese económico da banca e demais entidades financeiras, interesadas en se facer cun negocio moi lucrativo. Eles son os que teñen présa para reformar o sistema de pensións porque queren solucionar os seus problemas de liquidez o máis rápido posíbel e a conta dos de sempre. Os estudos que defenden a inviabilidade e a quebra do sistema público de pensións proceden da banca ou de sisudos técnicos pagados por ela. Hai outros expertos, que non viven do sector financeiro, nin comungan coas teorías económicas neoliberais, que defenden e teñen demostrado todo o contrario, que o sistema público é perfectamente viábel e que non é necesaria a súa privatización, nin parcial nin total. Claro está, estes estudos non son divulgados polos grandes medios de comunicación de masas.



É máis beneficioso e garantista o sistema privado que o sistema público?

Claramente NON. Calquera sistema privado de aforro, que é o que realmente son os fondos de pensións, ten menos garantía e menos solvencia que un sistema público. Cando unha traballadora ou un traballador subscribe un plan de pensións privado, o que está a facer é depositar parte dos seus ingresos nun fondo que vai xestionar unha entidade financeira. Esta inviste ese diñeiro no mercado financeiro buscando a súa revalorización a través de procedementos, moitas veces, puramente especulativos; polo tanto, a rendibilidade deses fondos privados non está asegurada pois depende dos vaivéns dos mercados financeiros, que por definición son inestábeis e volátiles (sirva como exemplo que só durante o ano 2010 perdéronse máis de 2.000 millóns de euros dos fondos de pensións privados do Estado español), así como de outros factores como a propia inflación ou a porcentaxe desa rendibilidade coa que queda a propia entidade financeira que xestiona o fondo. En definitiva, os fondos privados non poden garantir unha remuneración determinada cando chegue a hora de facerse efectivos como pensión. Estamos a falar pois dun sistema inseguro e inxusto desde un punto de vista social.


Cales son pois as vantaxes dun sistema público de pensións?

O sistema público de pensións no Estado español correspóndese co modelo coñecido como de REPARTO: as pensións dos xubilados páganse coas achegas que fan á Seguridade Social os traballadores/as en activo. É polo tanto un sistema seguro, solidario entre as distintas xeracións de traballadores/as, non sometido aos vaivéns dos mercados financeiros nin ao negocio dos bancos, máis eficaz fronte ao problema da inflación, protector para cos sectores máis débiles da sociedade, pois nun sistema privado aqueles que non tivesen suficiente capacidade de aforro, durante a súa vida laboral, quedarían destinados a vivir practicamente da mendicidade. Polo tanto, o sistema público de reparto é un sistema máis xusto e garantista para toda a poboación.


Corre polo tanto perigo o sistema público de pensións?

Os perigos para o sistema público veñen derivados precisamente do modelo e das políticas neoliberais. Os altos índices desemprego, o emprego en precario, a baixa taxa de emprego feminino, os baixos salarios, o alto nivel de economía somerxida, a especulación financeira, a deterioración do tecido produtivo, a fraude fiscal, o reparto desigual da riqueza… todos eses factores son os que poden terminar poñendo en auténtico perigo o sistema público, se non se corrixen. Por iso é tan importante mobilizarse e, coa nosa forza e co noso voto, mudar estas políticas e facer posíbel un novo modelo económico e social máis xusto, solidario, igualitario e democrático.

Galiza, Xaneiro de 2011

CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA

____________