terça-feira, 11 de janeiro de 2011

A gran mentira sobre a reforma das pensións

Algúns datos para comprender a gran mentira da reforma das pensións

1. O grupo de economistas que fai os informes para a Unión Europea, para a OCDE e para o Goberno, están contratados e pagados polo BBVA, Banco de Santander e CEOE.

2. No ano 1999 este grupo de economistas pronosticaban a creba das pensións para o ano 2010. No ano 2000 créase o Fondo de Reserva das Pensións, nestes 10 anos este fondo acumulou un excedente de máis de 64.000 millóns de €. No ano 2010 o superávit no 3º trimestre foi de 11.000 millóns de €, cun 14% máis de pensionistas que no ano 2000.

3. As medidas que pretende aprobar o Goberno de ampliar os anos de cálculo e a idade de xubilación, poderán reducir até un 25% a pensión nos próximos anos. Ao mesmo tempo que reforman as pensións, aprobaron reducir as cotizacións das empresas e subvencionar os despedimentos co diñeiro público. Isto representa máis diñeiro que o que aforran coa reforma das pensións.

4. Na proposta de reforma das pensións que queren aprobar incrementan o tope para as pensións máximas (banqueiros, empresarios, executivos, profesións liberais) para que poidan cobrar máis, e recortan aproximadamente un 10% as da clase traballadora. Recortan as dos pobres para darllo aos ricos.

5. O Estado Español é o que menos gasta en pensións da Europa dos 15, menos que Portugal que gasta o 11,4% do PIB [*]. O Estado Español gasta o 7,8%.

6. No ano 1995 o gasto en pensións no Estado Español representaba o 8,3% do PIB. No ano 2008, con 1.500.000 (un millón cincocentos mil) pensionistas máis e 2 millóns de desempregados máis que entón, o gasto é do 7,8%, un 0,5% menos.

7. Os resultados de superávit reprodúcense cada ano porque dependen do crecemento económico e do incremento anual de traballadores e traballadoras. Nos últimos 30 anos a clase traballadora creceu mais do dobre. En Galiza no ano 1980 non chegaba aos 430 mil. Hoxe pasa de 940 mil traballadores e traballadoras.

8. Na conxelación das pensións públicas no 2010, que afectou á clase traballadora, o Estado aforrou 1.530 millóns de €. Pero ao mesmo tempo perdeu 1.440 millóns de € pola desgravación fiscal que lle fai aos ricos das pensións privadas contratadas en bancos e aseguradoras .

9. Os que aproban estas medidas non reforman as súas pensións. Os deputados e senadores con 7 anos de mandato teñen asegurado o 80% da pensión máxima, (uns 30.000 € ao ano) e poden xubilarse aos 60 anos. Se perden o escano, cotízanlles até a xubilación.

10. O Estado Español triplica a media de contratación temporal precaria de Europa. Estes traballadores e traballadoras temporais nunca chegarán aos 35 anos para cobrar o 100% da pensión e teranse que xubilar mais tarde e cobrarán menos. Con menos temporalidade produciríanse máis ingresos. Ao final, os que teñen o traballo mais duro e máis precario terán a peor pensión.

A pensión media é de 876€/mes. En Galiza, de 728€. Esta é a pensión da clase traballadora, a dos ricos supera os 3000€. A clase traballadora asociada a traballos de dureza e fatiga (automóbil,naval, construción, pedra, mar, conserva, téxtil, limpeza, etc), vive un promedio de dez anos menos que os executivos, banqueiros, xuíces, notarios, empresarios, profesións liberais, etc. Viven máis os que cobran as pensións mais altas.

O maior fraude á Seguridade Social cométeno as Empresas. Contratos a media xornada ou por horas pero traballando realmente toda xornada. Tamén nas horas extras que non cotizan. No informe de Facenda do ano pasado o 90% dos empresarios aseguran ingresar menos de 1000€ ao mes.

Esta é a democracia dos ricos, na que o capitalismo financeiro quere controlar as pensións. Billóns de euros, que logo irán ás accións das grandes empresas na Bolsa. Por isto queren a reforma. Lembra que so tres grupos políticos rexeitaron a reforma laboral e esta reforma das pensións: BNG, IU e ERC. Loita tamén co teu voto.

Non permitamos este ataque aos nosos dereitos, porque non pensan parar. Seguirán reformando e empobrecendo as pensións. O noso futuro, os dos novos traballadores e traballadoras debemos defendelo agora.

 [*] PIB (Produto Interior Bruto): magnitude macroeconómica que indica o valor de todos os bens e servizos producidos por unha economía durante un período de tempo, normalmente un ano.


ANTERIORES REFORMAS DAS PENSIÓNS

Reforma das pensións de 1985
  • Aumenta o período mínimo de cotización para acceder a unha pensión
  • antes: 10 anos // despois: 15 anos
  • Amplía o período para calcular a pensión
  • antes: 2 anos // despois: 8 anos
  • Actualización da cuantía das pensións
  • En función do aumento dos salarios // En función do IPC previsto. Se a inflación real é maior que a prevista a diferenza só se compensa nas pensións mínimas.

Reforma das pensións de 1997
  • Amplía novamente o período para calcular a pensión
  • 8 anos // 15 anos

Proposta de reforma das pensións de 2011
  • Amplía novamente o período para calcular a pensión
  • 15 anos // 20-25 anos
  • Aumenta a idade de xubilación
  • 65 anos // 67 anos

Fonte: Avantar
____________________

Nenhum comentário:

Postar um comentário