quinta-feira, 27 de janeiro de 2011

O acordo alcanzado está madrugada por CCOO, UGT e o goberno xustifica, máis que nunca, a convocatoria da Folga Xeral de hoxe

Os sindicatos españois aceptan atrasar a idade de xubilación aos 67 anos, malia ter pasado meses repetindo que por aí non pasarían.


A CIG considera que co principio de acordo acadado entre CCOO, UGT e o Goberno, co que estas centrais sindicais están aceptando o atraso da idade de xubilación aos 67 anos, coa exixencia de 37 anos cotizados para poder cobrar o 100% e de 38 anos e medio para poder xubilarse anticipadamente aos 65, se cumpren “os peores dos nosos presaxios”
.

[2011.01.27 Piquete en Zara Loxística.  Arteixo - Polígono de Sabón]

Así o manifesta, Suso Seixo, Secretario Xeral, quen asegura que desde a central sindical xa se sospeitaba que se chegaría a esta situación. “Constátase así que todas as ameazas de mobilización ou folga xeral que CCOO e UGT dirixían ao Goberno tiñan o único obxectivo e desmobilizar aos traballadores/as no seu conxunto e moi especialmente aos seus afiliados e afiliadas, para evitar que se sumasen ás convocatorias de folgas xerais que hai hoxe en Euskadi, Cataluña e Galiza. Folgas xerais que diante deste escenario están máis xustificadas que nunca”.

Seixo afirma que este acordo supón unha “traizón” aos intereses da clase traballadora, aceptando os plantexamentos do Goberno e da Banca sobre a reforma das pensións e colaborando claramente na mentira e nos obxectivos que moven esta reforma. “Na mentira porque o sistema público de pensións non corre perigo ningún a medio prazo, como din o Goberno e os informes pagados pola Banca e nos obxectivos, que son potenciar a canalización do aforro dos cidadáns cara os sistemas privados de pensións que é un dos grandes negocios quen ten hoxe o sistema financeiro nas súas mans”.

Estas reformas van ter como consecuencia, segundo o secretario xeral da CIG, que se dificulte o acceso ás pensións e, polo tanto, que se reduza o número de pensionistas de forma significativa, diminuíndo ao tempo a contía das prestacións. “Nese escenario, o que se pretende é que o sistema público de pensións cubra unhas pensións mínimas e aqueles traballadores/as que teñan capacidade de aforro, por contaren con maiores ingresos durante a súa vida laboral, subscriban, desde xa, sistemas privados para garantir unha pensión complementaria, o que provocará que se incrementen as diferenzas nas rendas e na calidade de vida entre pensionistas”.

Para a CIG os contidos deste principio de acordo xustifica e fai máis necesaria aínda a convocatoria da folga xeral que se desenvolve durante a xornada de hoxe. Folga que, polo ben dos traballadores e traballadoras galegas, debería contar cun respaldo importante.

Fonte: Avantar
___________________

Nenhum comentário:

Postar um comentário