sexta-feira, 14 de janeiro de 2011

A CIG chama á cidadanía galega a frear na rúa as medidas regresivas do Goberno español contra a clase traballadora


Máis de 1.500 delegados/as da central nacionalista participaron este xoves en Compostela na asemblea preparatoria da folga xeral do 27 de Xaneiro.

Máis de 1.500 delegados/as da CIG participaron na asemblea nacional celebrada este xoves en Compostela para preparar a folga xeral do 27 de xaneiro e avaliar as consecuencias que está a ter a aplicación da reforma laboral, así como analizar o impacto que terá a reforma do sistema público de pensións e da negociación colectiva que pretende o Goberno español. O secretario xeral, Suso Seixo, apostou por “frear na rúa” as “medidas regresivas” para a clase traballadora que está a adoptar o PSOE a animou a todos os galegos/as a sumarse ás mobilizacións convocadas “por dignidade e responsabilidade.

Durante o acto, que se celebrou no Pazo de Congresos e Exposicións da capital Galiza entre as 11.00 até as 13.00 horas, representantes sindicais chegados de todas as comarcas do país afondaron no rexeitamento ás propostas do Goberno español para modificar o sistema público de pensións, entre as que se inclúen atrasar a idade de xubilación até os 67 anos e incrementar os anos para calcular a base reguladora. A central entende que se trata de dúas medidas destinadas a dificultar o acceso ás pensións e rebaixar as contías das mesmas, o que supón un claro ataque contra os dereitos adquiridos polos traballadores e traballadoras galegas despois de moitos anos de loita.

Ampliar a idade de xubilación aos 67 anos, coa perspectiva de subila mesmo até os 70, suporá que naqueles sectores coas condicións de traballo máis duras os/as traballadores/as non poidan agardar a esa idade e xubilaranse antes, co conseguinte recorte na contía das súas pensións. Ademais, elevar o número de anos para calcular a base reguladora dos 15 anos actuais aos 20 vai levar a unha perda de media dun 6% no cobro das pensións futuras. Se o cálculo se realiza a 25 anos, que parece a intención do goberno, a perda vai ser dun 10% e se finalmente se contabiliza toda a vida laboral o recorte no cobro da prestación chegaría até o 20%.

Baixo a escusa da crise, aínda que as pensións nada teñan a ver con ela, e amparándose en informes de supostos expertos carentes de calquera rigor, o Goberno central pretende asestar un novo golpe á clase traballadora rebaixando a cobertura das pensións á mínima expresión para favorecer, dun xeito moi descarado, os intereses da oligarquía financeira.

Un sistema público seguro

A este respecto, durante a asemblea nacional lembrouse que o sistema público é un sistema solidario no que as pensións se pagan co que cotizan os activos e, polo tanto, é un sistema seguro, cuxa supervivencia está garantida sempre e cando se desenvolvan políticas de creación de emprego e de recuperación dos salarios. Pola contra, nos sistemas privados de pensións as entidades xestoras dos mesmos, vinculadas á banca, negocian e especulan con estes recursos, podendo ser rendíbeis ou non segundo o decurso dos mercados financeiros, de feito na situación de crise económica actual, están a perder moito do seu patrimonio.

Estes ataques, de non recibiren unha contundente resposta por parte de todos os traballadores e traballadoras, deixarannos nunha situación social e laboral de hai medio século”, indicou Seixo. Por iso, a CIG chama ao conxunto dos traballadores/as galegos/as a apoiar e participar activamente na folga xeral do 27 de xaneiro, unha mobilización que o sindicato nacionalista convoca por “dignidade e responsabilidade”, en palabras do propio secretario xeral.

Preme aquí para acceder á nova páxina web da CIG sobre a folga xeral.

Fonte: Avantar
____________________________

Nenhum comentário:

Postar um comentário